Residencia de Anciáns
en Ehenbichl
Sobre o noiro un prisma ensimesmado, articulado ao redor de
dous patios, acolle as habitacións e o resto do programa.
2021 | Concurso
Residencia de anciáns
en Ehenbichl, Tirol.
Colaboración con:
Rodriguez Blanco
Arquitectos
Alejandro Mosquera
O proxecto enfróntase ao reto de construir en pendente, de crear un espazo público de calidade compartido por todos. Acertar na escala, dialogar no posible coas edificacións existentes, sen complexos, estar á altura e facer accesible a ladeira coma natureza sanadora, como camiño.
O noso edificio configúrase como amortecedor entre a ladeira como “natureza” e o artificio do plano horizontal. Trátase de darlle forma a un noiro, de transformalo en arquitectura.
O acceso ao novo edificio prodúcese enfrentado ao existente, axudando a construír unha rúa entre ambos, transformando unha mera acumulación de edificios nunha pequena escena urbana, e aos seus moradores en cidadáns.
O noiro habitado, transparente, mostra e acolle as funcións máis públicas do edificio. Acceso e vestíbulo na súa parte inferior. Sala de usos múltiples e cafetería na superior, onde os usuarios disfrutan de dúas orientacións, norte e sur, á ladeira e á rúa. Un lugar de unha atmósfera e prorporcións propias dun equipamento. Baixar á cafetería será “saír da casa”.
Sobre o noiro un prisma ensimesmado, articulado ao redor de dous patios, acolle as habitacións e o resto do programa. A posición dos patios e terrazas e a disposición das habitacións en pequenos grupos propician percorridos circulares, como sucesión de lugares e acontecementos, permitindo ao ancián orientarse recoñecendo o lugar que habita. Un pequeno barrio onde sempre dous itinerarios son posibles, a sorpresa, o encontro co outro, ollar sen ser visto, ser grupo, parella, individuo, cidadán. Ancián cidadán.
Terrazas de inverno, terrazas de verán, patios, ventilacións cruzadas, iluminacións a diversas orientacións, condicións tan variadas que se nos antoxan no transcurso do día, das estacións, un acontecemento en si mesmo, lonxe de calquera monotonía.
A escala, a atmosfera deste prisma será claramente doméstica en oposición ao noiro habitado. As proporcións, os ocos na fachada, serán parte da memoria de certa cotiandade xa vivida.
Téñense en conta os criterios de eficiencia e sostibilidade. O deseño favorece a posibilidade de ventilación cruzada nos meses máis calorosos e de captación soar en inverno, o que reduce o consumo enerxético global.
As cubertas verdes con baixos valores de transmitancia térmica permiten un mellor illamento térmico do edificio. Funcionando coma un depósito de auga para almacenamento e aproveitamento da chuvia, que tamén mellora o illamento térmico.
2021 | Concurso
Residencia de anciáns
en Ehenbichl, Tirol.
Colaboración con:
Rodriguez Blanco
Arquitectos
Alejandro Mosquera