Rehabilitación de Adega
en Porta Rigueiro
Integración e respecto polo patrimonio, material e inmaterial, tentando potenciar o medio no que se actúa, para poder entender e comprender a tradición.
2025 | Proxecto
Rehabilitación de Adega
en Porta Rigueiro.
Promotor:
Privado
Na desembocadura do río Enviande e Lama cara ao río Miño atópase Castro Candaz, un deses lugares especiais dentro da xa espectacular Ribeira Sacra.
Este promontorio de orixe prerromana e posteriormente romanizado foi fortaleza defensiva na Idade Media, con funcións de control sobre o Río Miño, así como sede do condado de Candaz. No século XV, durante as revoltas Irmandiñas, foi destruído.
Pero non sería ata o s.XX cando este lugar cambiaría o seu simbolismo para sempre. A construción do encoro de Belesar mergullou baixo as súas augas o Castro e gran parte das beiras do Miño. É por iso que agora é un lugar case máxico, que aparece e desaparece en función do nivel do encoro. Chega a conectarse novamente á beira e permite o seu paso e exploración. Pero igual que emerxe, mergúllase totalmente e desaparece.
Neste contexto, rodeado de viñedos e pequenas adegas atópase o Castro. As marcadas pendentes do val dificultan as construcións, os accesos e a propia vendima, a viticultura heroica en todo o seu esplendor.
Atopámonos aquí cunha pequena adega, de apenas uns 50m2 construídos, pensada para dar servizo á viña, gardar as ferramentas para coidala, poder aloxar comidas, gardar a uva recollida etc...
Unha arquitectura socalcada, con cubertas a unha auga a favor da pendente, case inexistentes. A intervención consiste en rehabilitar e ampliar este volume, co fin de poder dar un uso turístico e coñecer de preto a experiencia da Ribeira Sacra.
A intervención non consiste noutra cousa que aparecer, para volver desaparecer, non ser protagonista, non destacar, integrarse ao máximo e formar parte do territorio.
Rehabilitar o volume orixinal, deixándolle o protagonismo, e a partir de aí dobrar os muros dos socalcos para xerar un pequeno espazo de transición entre o vello e o novo.
Un volume novo que recolle o dormitorio e o baño, mentres que o volume orixinal mantén a esencia principal, unha gran mesa no medio sobre a que se resolve o estar, co Castro como protagonista. Coa idea de en días de vendima poder reunirse ao redor desa mesa, mesmo realizar catas e experiencias.
O novo e o vello únense coa tradición do lugar, cunha parra, o propio viñedo esténdese en horizontal sobre unha pérgola para facer desaparecer a intervención.
Integración e respecto polo patrimonio, material e inmaterial, tentando potenciar o medio no que se actúa, para poder entender e comprender a tradición.







